É catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Salerno.
Nacida en Southampton, Gran Bretaña, licénciase en 1970 en Westfield College, Universidade de Londres, en “Lingua e literatura francesas e españolas” (B. A. First Class Honours) e, en 1976, doutórase en “Lingua e literatura francesas” con premio extraordinario, polo Istituto Universitario Orientale di Napoli, cunha tese en Filoloxía Románica titulada I fabliaux e le convenzioni della parodia, publicada parcialmente no mesmo ano. Desde o curso 1983-84 é Profesora de Filoloxía Románica en diversas universidades italianas (Universidade da Basilicata, Potenza, Universidade de Cassino e, actualmente –desde 1994– na Universidade de Salerno).
As súas líñas de investigación céntranse no estudo da narrativa románica medieval: a tradición da narrativa breve (fabliaux, lais, a novella italiana, a cuentística en España); e, máis recentemente, a épica e a narrativa extensa occitana. Ocupouse tamén da lírica francesa medieval, da tradición de Salustio na Idade Media, en particular nas primeiras vulgarizacións castelás das monografías do historiador romano, da literatura subxectiva e da tradición misóxina medieval.
Entre as súas publicacións destacan as edicións críticas do fabliau Auberee, do poema épico occitano Daurel e Beton e da novela occitana Jaufre. Os seus intereses actuais oriéntanse, ademais das diversas liñas xa referidas, ás investigacións sobre o francés a Nápoles e na Italia meridional en época anxevina, sobre a que está preparando unha serie de publicacións, así como sobre as composicións de Ricardo Corazón de León.